×

Os nosos produtos

Panel de control en modo de proba

Proba e configura os teus produtos e servizos. Este panel está activo desde a autenticación do teu usuario.

Que é o IBAN dunha conta e para que serve?

Seguro que xa viches o IBAN nalgún documento bancario ou que cho pediron para recibir unha transferencia. Pero, sabes o que é e por que é tan importante? Explicámoscho dun xeito sinxelo

Que é o IBAN?

O IBAN (International Bank Account Number) é un código estandarizado que identifica de forma única unha conta bancaria a nivel internacional. Está deseñado para facilitar as transferencias e transaccións entre países, evitando erros e facendo que os pagamentos sexan seguros e rápidos. 

Este código inclúe información clave como o país da conta, o banco ao que pertence e o número de conta. En España, o IBAN ten 24 caracteres, que se desagregan na seguinte orde: 

  • Dúas letras iniciais que identifican o país (para España, ES).
  • Dous díxitos de control, cuxa función é garantir que o IBAN sexa válido.
  • Catro díxitos que fan referencia ao código do banco.
  • Catro números que fan referencia á sucursal.
  • Outros dous díxitos de control.
  • O número de conta do titular. 

Cando che poden pedir o IBAN?

O IBAN é esencial para moitas transaccións financeiras, especialmente cando se realizan pagamentos ou transferencias. Estas son algunhas situacións habituais nas que o precisarás: 

  • Recibir unha transferencia bancaria: se alguén necesita enviarche diñeiro con este método de pagamento, pedirache o teu IBAN.
  • Realizar pagamentos internacionais: cando envíes diñeiro a unha conta fóra de España, tamén debes proporcionar o IBAN do beneficiario.
  • Domiciliacións: para rexistrar unha factura, como a da luz ou a auga, é habitual que pidan este dato.
  • Transaccións comerciais: se traballas como autónomo ou tes un negocio, moitas empresas usarano para realizar pagamentos. 

A importancia do IBAN no mundo financeiro

Graza ao IBAN, as transferencias internacionais simplificáronse moito. Antes da súa introdución na década dos noventa, era moito máis fácil cometer erros nos pagamentos, o que podía provocar atrasos e custos adicionais. En España, substituíu definitivamente o CCC (Código de Conta Cliente) a principios de 2014. 

Na actualidade, o IBAN emprégase en todos os países da zona SEPA (Zona Única de Pagos en Euros) e nalgúns países de todo o mundo, como Xordania ou Guatemala, e convertiuse nun estándar para garantir a precisión e a rapidez das transaccións bancarias.

O IBAN varía entre países ou bancos?

O IBAN pode ter entre 15 e 34 caracteres, dependendo da normativa local. Polo tanto, é importante verificar sempre que se está a usar o número correcto para evitar erros nas transaccións. Aquí tes algúns exemplos: 

  • Alemaña: inclúe o código do banco e o número de conta, pero non integra códigos de sucursal como en España.
    • Número de caracteres: 22.
    • Exemplo: DE89 3704 0044 0532 0130 00.
  • Francia: engade un número de control adicional e o código do banco é máis detallado e tamén inclúe a sucursal.
    • Número de caracteres: 27.
    • Exemplo: FR76 3000 6000 0112 3456 7890 189.
  • Italia: inclúe unha letra inicial que indica o tipo de conta, ademais do código do banco e da sucursal.
    • Número de caracteres: 27.
    • Exemplo: IT60 X054 2811 1010 0000 0123 456.
  • Países Baixos: é un dos IBAN máis curtos, xa que só contén o código do banco e o número de conta, sen especificar a sucursal.
    • Número de caracteres: 18.
    • Exemplo: NL91 ABNA 0417 1643 00.
  • Suíza: non pertence á zona euro, pero segue o estándar IBAN para facilitar as transferencias internacionais.
    • Número de caracteres: 21.
    • Exemplo: CH93 0076 2011 6238 5295 7.

Recomendacións para usar o teu IBAN de forma segura

Aínda que o IBAN é necesario para moitas transaccións, debes protexelo como calquera outro dato bancario. Aquí tes algúns consellos: 

  1. Non o compartas se non é necesario: proporciónao só a empresas ou particulares de confianza.
  2. No o envíes por canles que non son seguras: se tes que compartilo, usa métodos seguros, como plataformas cifradas ou aplicacións bancarias.
  3. Compróbao antes de enviar cartos: asegúrate de que o IBAN do destinatario sexa correcto. Un erro pode levar a que o diñeiro acabe na conta incorrecta.
  4. Presta especial atención ás transferencias internacionais: é recomendable comprobar que introducimos ben o número, dada a ampla variedade de formatos IBAN.
  5. Coidado co phishing: desconfía dos correos electrónicos ou das mensaxes que che pidan o IBAN con urxencia ou sen ningunha razón clara.